O barco dun armador coruñés desaparece nas augas do banco de pesca do Sahara. A exploración da zona por buques da Mariña e o Servicio Aéreo de Rescate non descubre rastro del nin da tripulación. O dono do pesqueiro ten unha razón moi especial para facer que se investigue a fondo o seu destino: un dos homes que ía a bordo era un fillo seu.
Iso lévao a poñerse en contacto co detective Nivardo Castro e co xornalista Carlos Conde que se encargarán de desenredar a enguedellada madeixa en que se converte a desaparición do barco.
Neste proceso ábrese un horizonte inesperado de aventuras, que inclúen o secuestro, o tráfico de armas, o transporte de mercenarios, o narcotráfico ou o simple roubo.
Unha trepidante historia, moi liada por momentos, que remata co esclarecemento do intrincado caso.
